
Sei que non foi amor e, sen embargo, abriches
Amarga flor carnívora de noites os meus labios,
Deixándome beberte na túa sede escura,
Facéndome afogar no teu mar dos enganos.
O prestixio da estrela máis fermosa e maldita
Acendías no ceo ruín das madrugadas,
Nos calendarios grises nos que se abeira o inverno,
E era doce buscarte polas rúas estrañas.
Sei que non foi amor o que ti me ofrecías,
Pero amaba o perigo das estrelas na noite,
Que brillan nun instante e caen case sempre
No baleiro, na nada, nas distancias, nos lonxes.
Eu xoguei o que tiña para poder amarte,
A bandeira romántica; na brétema os meus pasos,
Sabendo que perdía meu corazón por terte,
E alleo vagaría, sen goberno nos anos.
Pisei a clandestina xeada desas horas
Nas que morre o desexo.
Pero entón xa levaba
A mancha dos teus bicos impregnando os meus beizos,
E cría que eran certas as palabras douradas.
Franqueárasme a porta do teu longo desvelo,
Desa paixón sen nomes, precipitada, cega,
Abismos do teu corpo sobre min derrubaras,
E unha torre danada nas miñas horas lentas.
Caeron as camelias, no chan, apodrecidas,
Marcharon, invisibles, murchas flores no aire:
Veu un vento de marzo para queimarnos xoves
Coas causas inocentes, cos ollos lostregantes.
Pasou a vida longa, como pasan os ríos.
As princesas do mal extinguíronse todas:
A cidade borrounas do libro da lembranza,
O teu nome está escrito naquelas follas mortas.
Pero canto daría outra vez por mentirme,
Cantos dos meus infernos baixaría a buscarte,
Cantas albas desperto -ameazada lúa-
E que extensión de sombras e de luceiros fráxiles
Pasaría por verte, outra vez, e mirarte.
Coller estrelas mortas na nosa man non doe,
Se aquelas non feriran coa súa luz tantas noites.
Ramiro Fonte


No hay comentarios:
Publicar un comentario